Entre as persoas que se ven sometidas a máis inxustizas dentro do mercado alimentario atópanse sen dúbida as persoas celíacas. Non só porque a oferta de produtos sen glute é limitada e excesivamente cara (os produtos sen glute triplican ou cuadriplican o prezo dun produto normal), senón tamén (e sobre todo) porque en moitas ocasións non hai maneira posible de saber se o que se ten diante inclúe o dito compoñente ou non. A este respecto e malia que non van implicar a solución definitiva a estes problemas, semella que como acontece con outros colectivos de doentes as novas tecnoloxías poden botar unha man… ou máis propiamente un gadget. Segundo conta estes días Galixa Hoxe, esa é a liña do proxecto Código EAN, unha iniciativa desenvolvida pola empresa Santiveri en colaboración coa FACE (Federación de Asociacións de Celíacos de España) para pór en marcha un trebello que axude ás persoas que non poden inxerir glute a identificar os produtos ceibes desta glucoproteína (presente nas sementes de moitos cereais) de xeito “rápido e sinxelo”.
O dispositivo en cuestión, que non será máis grande ca o mando de apertura da porta dun garaxe, incluirá memoria dixital e capacidade de lectura de códigos de barras. A primeira serviralle para amorear os datos sobre os produtos certificados como aptos para celíacos (datos actualizados cada pouco pola Federación) e a segunda para comparar a comida que se ten diante coa listaxe almacenada. Deste xeito, será posible saber de xeito inmediato se o que temos diante inclúe glute ou non. O sistema, que en boa medida se basea nos que se empregan nas grandes empresas de alimentos para ter control sobre os seus fondos, virá moi posiblemente cun prezo de arredor de 100 euros, estando prevista a súa comercialización (polo menos nun primeiro intre) a través da páxina da Federación.
A FACE e Santiveri desenvolven un trebello portátil para identificar produtos con glute
Compartir Este Artigo
