O auditorio da Zona Franca de Bouzas (Vigo) acolleu os días pasados a entrega dunha serie de recoñecementos ao traballo ben feito en diversas materias vinculadas á xestión empresarial e á innovación dentro do sector das novas tecnoloxías. Máis polo miúdo, o acto consistiu na achega de certificados de ISO 20000 e ISO 27001 ligados a sistemas de seguridade nos datos a un total de 20 empresas, practicamente todas ligadas a Ineo, entidade galega que reúne a máis de 80 firmas do noso tecido tecnolóxico-dixital. A cita, que constitúe o cumio dun proxecto estatal para favorecer a implantación de avais de calidade que foi coordinado por Ineo, contou coa presenza de Jorge Cebreiros Arce, director desta entidade, e máis dos representantes en Galicia de EQA, DNV e AENOR, que fixeron entrega de certificados ISO 20000 e ISO 27001 ás empresas que mellor optimizaron os seus sistemas de seguridade da información nos últimos anos. O grupo das que recibiron o segundo dos recoñecementos está constituída polas seguintes: Ultreia, Artemis, AVA, Infojoc, Avanzas, Megasyc, Nextvision, Pexego e SIGA 98. Polo que respecta ás que veñen de estrear o ISO 20000, estariamos a falar de Alnitak, Elaboro, AFI, Bahía Software, Balidea, Bonaval, Ednon, Level Telecom, Opensoft, Quobis e Ultreia.
Segundo reflicte na súa web a propia asociación Ineo nun completo artigo sobre estes logros e as vantaxes que achegan no mercado, o acto de entrega de avais dos pasados días constitúe un claro sinal de que o noso sector TIC vai polo bo camiño. Así o fixo saber o presidente de Ineo, Jorge Cebreiros, dende a Zona Franca de Vigo: “Para nós é unha satisfacción comprobar como o proxecto que coordinamos desde hai anos segue cumprindo co fin de fomentar a implantación de sistemas de calidade en empresas galegas do sector TIC. As certificacións entregadas son unha xusta recompensa ó grandísimo esforzo realizado por estas organizacións para aplicar os estándares de calidade recollidos nestas normas e por avanzar cara ó obxectivo común: que o sector TIC de Galicia sexa recoñecido pola súa Excelencia Empresarial”.
Os eidos de actividade das compañías de Ineo, malia apoiarse nunha base común (o coñecemento dixital), son de abondo variados: hardware (fabricación de equipamentos), software (deseño e posta en marcha de programas), redes, telecomunicacións, Internet, contidos, formación ou servizos de consultoría.
Cómpre lembrar que estes recoñecementos de calidade esixen un elevado número de requirimentos, que unicamente son quen de acadar un reducido número de firmas. O Certificado ISO 20000 é unha norma que describe un conxunto integrado de procesos e un enfoque de xestión para a provisión efectiva de servizos de TI a clientes internos ou externos; mentres que a ISO 27001 é unha norma que deseña un modelo para o establecemento, implementación e mellora dun Sistema de Xestión de Seguridade da Información en calquera tipo de organización.
A European Quality Assurance (EQA), a encargada de certificar a actividade destas empresas, é unha entidade de Certificación de Sistemas de Xestión, Verificación Medioambiental, Marcado CE (Directiva de produtos da construción) e Proxectos e Xestión de I+D+i, fundada en Gran Bretaña no 1993.
20 compañías do eido TIC galego reciben importantes pulos internacionais ao seu bo labor
Compartir Este Artigo
