
Segundo se conta no dito xornal galego, perante este proxecto de levar cara adiante o novo Chuza!, Yáñez xa se ofreceu a ceder a marca e o dominio, pasando estes a mans dunha asociación integrada por membros da propia comunidade. A iniciativa leva varios días en marcha nun portal de Google (Chuza-remastered), un espazo que opera de faladoiro sobre os aspectos técnicos e legais da web e da hipotética nova andaina. A principal característica desta, con respecto á etapa de Yáñez, radica na natureza da súa titularidade, agora colectiva. Con isto, informan dende a iniciativa, non se porá en perigo a continuidade do proxecto en caso de que alguén non poida ou non queira seguir adiante co mesmo. Polo demais, a previsión é que todo siga igual, tanto en feitura coma en fondo.
Polo que atinxe á desaparición de Vieiros, o primeiro xornal dixital en galego, todo apunta a que se trata dun remate definitivo. Con todo, infórmase dende Xornal.com, o que si que non se perde é o importante potencial de lectores e colaboradores, que todo apunta a que repercutirán positivamente no devandito medio de comunicación galego, en A Nosa Terra ou en GaliciaHoxe. O que si que se puído confirmar é que algúns dos máis salientables comentaristas de Vieiros poderán darlle continuidade ao seu labor en Xornal.com, como por exemplo Rafael Cuiña ou Camilo Nogueira (previamente xa ligados a Xornal), a quen se sumará en setembro José Luis Sucasas. Asemade, tamén se confirma que o devandito medio quere converterse en ferramenta de información útil para os usuarios de Vieiros, baseando os seus argumentos no semellante das súas liñas de traballo, liñas “onde a participación dos lectores é primordial, sobre todo a través de foros, que teñen un alto seguimento por parte dos lectores”.
Os internautas galegos seguen a traballar na recuperación de Chuza!
Compartir Este Artigo
