A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) vén de acordar a adxudicación dun total de 4.980.000 euros en axudas destinadas a 38 empresas audiovisuais galegas para a realización de 43 producións e coproducións, das que 13 corresponden a longametraxes cinematográficas, 7 a películas para televisión e 23 a documentais de creación e difusión.
A entidade dependente da Consellería de Cultura e Turismo completa así a resolución das súas principais liñas de subvención ao audiovisual galego, ao que destina un total de 7.060.000 euros a través das seis modalidades convocadas este ano.
Xestionado por segundo ano consecutivo a través da Agadic, o programa de apoio económico a este sector, segundo informan dende o Executivo, “mantén unha tendencia ascendente respecto ao orzamento total comprometido”, pasando dos 6,9 millóns en 2009 aos 7,06 millóns de euros en 2010.
Este incremento trasládase, así mesmo, á cifra de proxectos subvencionados este ano, dentro da que sobresae tanto o número de longametraxes cinematográficas (13 en 2010 fronte a 7 o ano pasado), como o de documentais (23 fronte a 13 en 2009).
O importe total outorgado ás axudas para producións e coproducións audiovisuais distribuirase ata 2013 (1.400.000 euros en 2010, 1.400.000 en 2011, 1.380.000 en 2012 e 799.386 en 2013) e o prazo de xustificación de cada anualidade rematará o 31 de outubro do ano correspondente.
En total distribuiranse 3,3 millóns de euros entre as longametraxes, 885.648 euros irán destinados á produción de películas para televisión e os 760.449 euros restantes adxudicáronse a 23 documentais.
Trala publicación dos adxudicatarios e contías concedidas no marco desta liña de apoio, tan só quedaría pendente, segundo afirman dende Agadic, “a resolución definitiva das axudas de concesión automática para a amortización de custos de produción, para as que continúa aberto o prazo de solicitude”. Ademais, a través do resto de convocatorias resoltas, a Agadic destina 450.000 euros a 20 propostas de desenvolvemento de proxectos audiovisuais, 350.000 euros ao desenvolvemento e produción de 16 proxectos de contidos dixitais e interactivos, 300.000 euros a 33 novos creadores para promover o talento audiovisual galego e 180.000 euros á produción de 17 curtametraxes e videoclips.
O audiovisual galego recibe preto de cinco millóns en axudas de AGADIC
Compartir Este Artigo

