Co principal obxectivo de mellorar o acceso ás TIC das persoas que teñen algún tipo de discapacidade no noso país, o Executivo galego vén de asinar un convenio de colaboración para o desenvolvemento do programa TIC TAC Galicia, a través do cal pretende reforzar con novo equipamento tecnolóxico os centros públicos de toda a Comunidade.
O acordo asinado co Ministerio de Industria, Turismo e Comercio contempla, entre outras cousas, levar ordenadores de sobremesa e portátiles adaptados a un total de 149 centros públicos de acceso a Internet (como bibliotecas públicas, hospitais, telecentros ou aulas de formación de todo o país) a fin de que as persoas con algún tipo de discapacidade visual, auditiva, cognitiva ou motora poidan acceder á Rede coa mesma facilidade que o fai o resto da sociedade.
Asemade, o acordo inclúe dotar de lectores de DNI electrónicos os devanditos centros, así como a celebración de xornadas de capacitación para que tanto o persoal responsable dos centros como as persoas usuarias coñezan o uso axeitado destes equipos.
“Con este novo equipamento”, en palabras da secretaria xeral de Modernización e Innovación da Xunta, Mar Pereira, “os nosos centros estarán preparados para dar servizo aos cidadáns e para facilitar o acceso a sociedade da información a persoas con distintas discapacidades físicas ou sensoriais”.
Para deseñar o equipo informático e os dispositivos TIC adaptados, Red.es traballou conxuntamente co Centro Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas (CEAPAT), dependente do Imserso. Este equipamento, que permite facer uso dun PC ao 60/70 por cento das persoas con algún tipo de discapacidade, combina software específico e elementos periféricos. Dende ratos alternativos de bola xigante e conmutadores, que facilitan o manexo para usuarios con dificultades motoras, ata controladores do ordenador sen mans, que permiten manexalo cun sinxelo movemento do queixo ou a cabeza. Tamén inclúe teclados con teclas de gran tamaño para facilitar a súa pulsación, recomendado para persoas con problemas de mobilidade e/ou visión; pantallas táctiles, que se activan por contacto coa pel e mediante instrucións acústicas, e brazos articuladores para facilitar a suxeición destes dispositivos.
TIC TAC Galicia mellora o acceso á Rede das persoas con discapacidade
Compartir Este Artigo

