O grupo de investigación Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, non dedicou o verán a descansar como gran parte da poboación galega que afortunada ela se desprazou á plaia fuxindo do calor que asolou o país, senón que traballou nun sistema de medición de marcas na Rede, que vén de rexistrar e que bautismou como Nostracker.
Esta ferramenta é quen de analizar a reputación en Internet de marcas, empresas, persoas e incluso temas e, asemade, permite seguir de xeito automático a información que xeran blogs, redes sociais e todo tipo de medios dixitais na Rede.
As aplicacións de Nostracker, que xa se empregan de maneira efectiva sobre 10.000 blogs galegos, un cento de medios dixitais e un milleiro de grupos en Twitter, permiten procesar, xestionar e seguir as conversas e informacións xeradas nos medios dixitais, para, dalgunha maneira, tratar de marcar o grao de popularidade dos temas de xeito automático.
O sistema, que se centra principalmente nos ámbitos locais e micromedios, fai unha análise e un seguimento da reputación de marcas, temas, personalidades e fluxos de opinión na Rede a partir da identificación da información xerada polos usuarios.
Posteriormente establece e clasifica a diferenciación entre comentarios e informacións positivas e negativas, ademais de definir cada un dos actores e temas relacionados coas comunicacións. En función da notoriedade, popularidade e relevancia, a ferramenta establece un ranking de “reputación” en Internet.
A USC rexistra un sistema que mide a reputación das marcas na Rede
Compartir Este Artigo

