O pasado venres, día 3 de setembro, o Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela vestiuse coas súas mellores galas para albergar, ademais dos seus hóspedes habituais (normalmente peregrinos e turistas que se achegan a ver a catedral), a preto de 500 profesionais das TIC de ámbito europeo, que acudiron puntuais a esta cita anual do sector tecnolóxico galego.
Nesta edición, como non podía ser doutra maneira, o evento estivo marcado pola celebración do Ano Santo en Compostela, e baixo o lema, O Camiño de Santiago e as Telecomunicacións europeas, enxeñeiros de telecomunicacións chegados de todo o continente debateron en Santiago a situación deste sector na Comunidade.
O evento, que organizou o COETG-AETG, estivo presidido pola secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira e contou coa presenza, entre outras autoridades, do secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro.

Tamén nesta cita, Edita de Lorenzo, directora da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación da Universidade de Vigo, recibiu o premio de Enxeñeira do Ano, e Andrea Penza, presidente da Federación de Ingenieros de Telecomunicación da Comunidade Europea (FITCE), converteuse en Socio de Honra da AETG, polo seu compromiso co desenvolvemento das Telecomunicacións en Europa e os beneficios que este modelo de negocio pode proporcionar á nosa rexión.
Ademais destes e outros recoñecementos, a organización entregoulle o Premio INEO á Mellor Aplicación TIC á empresa Open Soft Servicios Informáticos S.L. polo seu proxecto ONETBACK.
Esta distinción, patrocinada pola Asociación INEO, recoñece aqueles produtos ou servizos innovadores desenvolvidos desde Galicia que destacan pola súa calidade e aportación ao crecemento económico.
A galega Open Soft recolle o Premio INEO á Mellor Aplicación TIC
Compartir Este Artigo

