Ao abeiro da Cátedra Bancaja Xoves Emprededor@s da Universidade de Vigo, uns 35 estudantes desta entidade académica están a aproveitar os últimos días que lles quedan das vacacións para facer un Curso de consultoría para a innovación e o emprendemento, que ten como principal obxectivo dar a coñecer as principais técnicas, metodoloxías e capacidades necesarias para desenvolverse laboralmente no campo profesional da consultoría de empresas e organizacións, e máis concretamente, en temas relacionados coa consultoría para a xestión da innovación e o emprendemento.
O curso, que se desenvolve no salón de graos da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, botoa a andar onte luns, 6 de setembro, da man de Gerardo Estévez, director xeral de PDI Consultores de Dirección, que ofreceu un relatorio sobre os tipos e enfoques de consultaría, metodoloxías de traballo, principais ferramentas de aplicación ou perspectivas sobre a carreira profesional dun consultor ou consultora.
A coordinadora do curso, Ana Gueimonde, explicou que a medida que avance o programa se irán tratando áreas de traballo máis concretas e asegurou que, nesta liña, na xornada de hoxe, “os relatores centraranse xa no campo da consultaría institucional e emprendedorismo, así como na xestión de proxectos e actividades desenvolvidas no centro tecnolóxico Aimen”.
O curso rematará o vindeiro venres coa xornada Green Coach, Aprendizaxe de competencias directivas mediante a práctica do golf.
A Universidade de Vigo inicia un curso sobre consultoría para a innovación e o emprendemento
Compartir Este Artigo

