Cada vez temos máis exemplos inequívocos de que o tradicional e as novas tecnoloxías non teñen por qué estar rifados para convivir nun mesmo entorno e de feito, esa simbiose que se dá en moitos casos, soe acabar nun beneficio mutuo que favorece, por enriba de todo, a nos os usurios.
O último exemplo de que as TIC e Internet teñen cabida no entorno máis tradicional do noso país vén da man da Secretaría Xeral de Medios, que acaba de inaugurar en Celanova o Telecentro de Comunicación da vila, que estará ubicado no Mosteiro de San Salvador.
O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro Durán, e mailo alcalde de Celanova, Antonio Mouriño Villar, veñen de inaugurar, hoxe mesmo, a devandita aula multimedia, coa que se pretende achegarlle ós veciños e veciñas de todo o concello as tecnoloxías da información e a comunicación e a Rede de Redes.
Este singular espazo, co que a Secretaría pretende familiarizar a toda a cidadanía coas novas canles e soportes de comunicación, conta con varios equipos audiovisuis e multimedia e precisou dun presuposto de 120.000 euros para a súa execución.
A secretaría que dirixe Cabaleiro colaborou coa dotación e instalación dos equipos audiovisuais e multimedia, e a partir de agora, tamén será a encargada de correr cos custes de mantemento tecnolóxico.
Ademais de dotar ás aulas do equipamento axeitado (no caso de Celanova 15 terminais de ordenador conectados en rede mediante sistema avanzado de videoconferencia), a Xunta de Galicia busca que as aulas multimedia “se convirtan nun punto de encontro dentro do concello e nunha alternativa habitual na axenda de tempo libre de toda a cidadanía”.
Asemade, para que o concello ourensán se poida beneficiar do traballo colaborativo en Rede e da comunidade virtual, integrarase proximamente na Rede CeMIT (Centros de Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia), tal e como aclarou a alcaldesa de Betanzos, Mª Dolores Faraldo Botana, que lle deu a benvida a Celanova a través de videoconferencia.
Os responsables desta iniciativa lembran que “unha aula multimedia é un espazo acondicionado acusticamente e de estética particular que dispón de material informático (ordenadores, impresoras, etc.), equipo de videoconferencia, material audiovisual, pantallas de proxección e de plasma, así como outros sistemas de control que permiten recrear diferentes escenarios (accións formativas, videoconferencias, visionado de audiovisuais ou multimedia) dependendo das necesidades técnicas das accións a desenvolver”.
Celanova estrea hoxe a súa propia aula multimedia
Compartir Este Artigo

