Co gallo do Día Internacional da Alfabetización, que paradoxicamente celébrase hoxe, cando milleiros de nenos e nenas no noso país retoman a súa actividade diaria nas aulas, os usuarios e usuarias de Twitter están a copiar e distribuir entre os seus contactos unha peculiar mensaxe para concienciar ao mundo sobre o analfabetismo.
Esta mensaxe, lanzada pola ONG Room to Read en colaboración coa propia rede social, está escrita aparentemente sen sentido para que cada internauta, ao ler ese tweet, se sinta como un máis dos 776 millóns de persoas no mundo que non poden ler ou escribir, e colabore dalgunha maneira para axudar a esa xente a sair da súa situación.
Twitter e Room to Read publicaron para a causa unha páxina web, á que se accede premendo na ligazón que segue a ese tweet (que por certo está en inglés), e onde se pode ler a versión correta da mensaxe, que traducida ao español di o seguinte: “cando non podes ler, 140 caracteres non significan nada”, expoñendo a continuación varias formas de axudar para acabar co analfabetismo.
Esta ONG, que dende a súa creación ten construído máis de 10.000 bibliotecas, e publicado preto de 500 libros para repartir de balde entre os nenos e nenas de todo o mundo, vai dar por rematada esta comprometida campaña a prol da alfabetización co lanzamento do novo viño de Twitter que a rede social lle encargou á bodega Crushpad.
Estes viños, un Pino Noir e un Chardonnay, serán vendidos a beneficio dos programas de alfabetización da organización Room to Read na India e ademais de contar co apoio de Twitter, a campaña será extendida a outras redes sociais como Facebook.
Twitter promove unha campaña que loita contra o analfabetismo
Compartir Este Artigo

