Business Software Alliance (BSA), a asociación que vela pola defensa dos dereitos de propiedade intelectual na industria do software en todo o mundo, vén de facer reconto do que lle custa ás empresas españolas usar software ilegal no canto de software baixo licenza e as cifras acadadas ascenderonada menos que a 76.271 euros só no primeiro semestre de 2010.
Isto significa que entre indemnizacións por perxuízos e regularizacións, o custe medio por cada ordenador intervido supuxo para as empresas españolas preto de 5.000 euros, en concreto 4.950 euros.
En total foron 92 os ordenadores intervidos con software pirata nos 6 rexistros realizados no primeiro semestre de 2010 e das 231 denuncias recibidas, a asociación levou a cabo un total de 153 accións legais contra empresas, distribuidores e entidades que vulneraron os dereitos de autor de software.
Como consecuencia destas accións, as compañías españolas implicadas tiveron que facer fronte a un total de 457.624 euros en custes, un 7,7 por cento máis que no mesmo periodo do ano anterior.
O custe total obtense da suma do valor das indemnizacións por perxuízos polo software pirata detectado, que ascendeu a 257.659 euros, e os 199.965 euros por regularizacións por adquisición de software legal para substituir ao ilegal intervido e poder continuar así coa actividade da empresa, e sen incluir os custes dos procesos xudiciais.
Segundo afirma Luis Frutos, o presidente do comité español de BSA, “estas cifras poñen de manifesto o caro que lle pode sair a unha empresa o emprego de software fraudulento, xa que empurradas polo suposto aforro, arríscanse adquirindo software sen licenza”. “Lonxe de aforrar”, engade, “o resultado de empregar software sen licenza pode supoñer unha importante perda económica, sen contar os riscos engadidos para a operatividade, a competitividade e a reputación da empresa”.
Xa que logo, e co obxectivo de tentar cambiar esta falsa percepción “tan arraigada en España”, dende BSA levarán a cabo, ao longo deste ano, varias campañas de sensibilización dirixidas ás pequenas e medianas empresas, centradas en mostrar de maneira clara os riscos aos que se enfrontan as mesmas se deciden empregar software sen licenza, asi como os beneficios que reporta o uso de software propietario.
O uso de software ilegal sáelle caro ás empresas españolas
Compartir Este Artigo

