Dygra Films, o selo galego de animación, vén de participar arreo no Festival de Donostia, certame cinematográfico que xa está a afrontar a recta final da súa 58 convocatoria. A achega da empresa da Coruña constituíuse en varias actividades, case todas elas encamiñadas en dar a coñecer o seu traballo en materia de animación dixital con tecnoloxía 3D. A participación foi do informativo-formativo (incluíndose unha masterclass sobre a experiencia de Dygra no eido da innovación audiovisual e máis un relatorio sobre dixital en 3D) ao máis estritamente cinematográfico: a proxección dun adianto de Holy Night! (Noite de Paz), case con toda probabilidade a primeira película de animación feita en España sobre tecnoloxía dixital en 3D.
Noite de Paz, o cuarto filme dos estudos Dygra e a día de hoxe en fase de posprodución, foi tamén un dos eixes temáticos das restantes actividades desenvolvidas polo selo galego en Donostia, que estivo representado polo director dos estudos, Manolo Gómez.
No transcurso da masterclass que ofreceu este xoves, enmarcada dentro do IX Encontro Internacional de Estudantes de Cinema, Gómez fixo un percorrido pola evolución do 3D, non só dende o punto de vista tecnolóxico senón tamén dende os eidos narrativo e empresarial. Segundo fixo saber Dygra, o director do selo galego non evitou a polémica, asegurando que “nun contorno dixital con grandes posibilidades de levar ás pantallas dos cinemas, ao non ter custe a elaboración de copias, a figura do integrador supón un atranco importante, na medida en que se converte no árbitro que decide o que se pode ver e o que non, poñendo en perigo a chegada ás salas do cinema independente”. Gómez tamén deu a súa opinión sobre as descargas ilegais de filmes na Rede e sinalou que iniciativas como Filmotech ou Filmin son opcións interesantes de futuro, pero sempre e cando en España non se modifique unha lei que protexa os contidos, “xa que teñen que competir co contido gratuíto ofrecido por outras webs sen o consentimento dos creadores”.
E proseguiu: “Aquí estamos a ver cómo o negocio da venda de DVDs que movía centenares de millóns de euros ficou finalmente en nada, sen que existan arestora alternativas reais que cubran ese espazo”. O presidente da firma galega tamén tivo tempo para presentar o Dygra Native Digital 3D, selo propio da compañía que garante unha produción autóctona feita dende o primeiro intre en cinema estereoscópico e en tres dimensións.
Dygra avanza en Donostia Noite de Paz, o primeiro filme en tecnoloxía dixital en 3D feito en España
Compartir Este Artigo
