A directora xeral de Dependencia e Autonomía Persoal, Coro Piñeiro, e a directora xeral adxunta da Fundación la Caixa, Elisa Durán, presentaron hoxe un novo programa que se inicia en Galicia e que supón «un paso máis» na colaboración que a Xunta de Galicia e a Obra Social la Caixa mantén desde 1997. Este programa canalízase a través dun convenio de colaboración que veñen de asinar entre a Consellería de Traballo e Benestar e a Obra Social la Caixa para pór en marcha o proxecto gente3.0 de Voluntariado Senior, un plan para fomentar o envellecemento activo que arranca por primeira vez en Galicia e que se estenderá ao resto das comunidades autónomas. Trátase, en concreto, de que as persoas maiores podan participar en programas de voluntariado transmitindo os coñecementos que en novas tecnoloxías xa están a adquirir nas Ciberaulas, emprazadas nos centros sociocomunitarios da Comunidade autónoma.
As aulas de informática levan formando a máis de 13.000 persoas maiores nas novas tecnoloxías e, por iso, o obxectivo agora é, en palabras de Piñeiro, «converter aos nosos maiores en transmisores dos seus coñecementos e experiencias, ben a outros usuarios o ben a outros ámbitos sociais».
A responsable do departamento autonómico apuntou, ademais, que gente3.0 non só servirá para difundir os coñecementos , senón tamén para que os maiores poñan en práctica a súa aprendizaxe fomentando, desta maneira, o envellecemento activo. Tamén destacou que mediante estas iniciativas «tamén acadaremos a promoción da cooperación e do asociacionismo neste grupo de idade a través do voluntariado».
Un total de 23 centros sociocomunitarios de Galicia participarán neste proxecto. Vinte xa teñen en marcha as Ciberaulas (Coruña, Ferrol, Santiago, A Pobra do Caramiñal, As Pontes, Carballo, Lugo , Vilalba, Ourense, Maceda, Pontepelamios, Verín, Xinzo, Pontevedra, catro en Vigo, Marín e Redondela) e outros tres incorporaranse á iniciativa (Santa Comba, Mondoñedo e Ribadavia). En total, a iniciativa comezará con preto de 3.000 maiores voluntarios.
O proxecto está en plena sintonía co Plan Galego de Persoas Maiores 2010-2013 que a Xunta puxo en marcha o ano pasado no marco do Plan de Actuación Social da Consellería de Traballo e Benestar.
Os maiores interesados en formar parte da Xeración gente3.0 poderán rexistrarse directamente na rede de centros de maiores que a Obra Social ten en convenio coa Xunta. Desta forma, poderán, tras recibir unha formación específica, participar nos proxectos de voluntariado e dedicar o seu tempo en beneficio dos demais. A medio prazo, todos os membros daranse cita nunha plataforma en liña, unha nova rede social para os maiores que facilitará a súa participación e coordinación.
Por último, Piñeiro agradeceu á Obra Social la Caixa o seu compromiso cos maiores e destacou as vantaxes da participación das persoas maiores en actividades voluntarias, lembrando o programa Voluntariado da Sabedoría, posta en marcha o ano pasado pola Xunta no marco da celebración do Xacobeo.
Novo programa para facilitar aos maiores a aprendizaxe en novas tecnoloxías
Compartir Este Artigo
