A versión 4.0 ou Ice Cream Sandwich de Android está a dar moito que falar nestes últimos días, especialmente pola confirmación por parte de Google de que inicialmente non terá Flash Player, como puido comprobarse nas primeiras unidades do Galaxy Nexus de Samsung, que vén sen o engadido de Adobe, que vén de ser descontinuado pola súa propia compañía (na súa versión móbil). Dende Adobe aseguran que si lanzarán unha aplicación para dar soporte de Flash para Android 4.0, pero non parece que iso vaia ser preocupante para os usuarios, que cada vez ven con mellores ollos que se aposte por tecnoloxías alternativas como o HTML5.
Outro dos asuntos que está a comentarse con certa frecuencia sobre o Android 4.0 é o calendario de actualizacións dos distintos móbiles actuais á nova versión de Android, e aínda que parece que os terminais máis modernos teñen garantía de actualización, sorprendeu a moitos que o Nexus One (o primeiro móbil de Google) ía quedar fóra por considerarse demasiado vello (2 anos) co que parecen non estar de acordo os desenvolvedores de ROM alternativas, que tras a publicación do código fonte de Ice Cream Sandwich anuncian que xa están a traballar en adaptacións para o seu funcionamento en móbiles como o Nexus One, o HTC Desire/HD, o Samsung Galaxy S, o Nexus S e incluso o vello HTC Hero. Estas ROM en preparación aínda carecen de moitas funcionalidades, pero van por bo camiño, de xeito que agárdase que en febreiro sexan moitos os móbiles que poidan empregar Android 4.0 de xeito non oficial.
Steve Wozniak no campus de Google

