Durante estes días a xente de AllthingsD está a dedicar unha serie de artigos sobre o posible futuro teléfono móbil de Facebook, asegurando que o produto rumoreado en tantas ocasións finalmente será unha realidade, adiantando detalles como que podería estar a desenvolverse en colaboración con HTC (compañía que fabricaría o dispositivo ao igual que tamén fixera co teléfono de Google) e respondería ao nome clave Buffy na honra da cazavampiros máis popular da televisión.
O futuro móbil funcionaría cunha versión modificada de Android e contaría cunha forte integración dos servizos de Google, así como o soporte de HTML5 como plataforma para aplicacións. Pero parece que os detalles sobre este terminal poderían mudar moito antes da súa chegada ao mercado, pois comentan que podería tardar 12-18 meses en pórse á venda.
Polo momento, nin HTC nin Facebook comentan estas informacións, e tamén cómpre destacar que xa son varios os terminais que chegaron ao mercado con teclas dedicadas a Facebook, aínda que o seu lanzamento non foi da man da compañía fundada por Mark Zuckerberg.
O móbil de Facebook podería ver a luz en 2013
Compartir Este Artigo
