Nos últimos anos parece que Yahoo! non consegue levantar cabeza, o que resulta evidente se vemos os cambios na dirección da empresa, que en setembro abandonou Carol Bartz, quen só conseguiu manter o seu cargo 32 de meses, e agora é o propio fundador da compañía, Jerry Yang, quen vén de renunciar ao seu posto no Consello de Dirección e todos os seus cargos en Yahoo! (e tamén en Alibaba Group Holding Limited).
Yang fundara Yahoo! Inc en 1995 con David Filo, ocupou o posto de director xeral entre xuño de 2007 e xaneiro de 2009 (período no que rexeitou unha oferta de compra de 47.500 millóns de dólares por parte de Microsoft, o que molestou a boa parte dos accionistas da compañía), e estaba considerado como un dos máximos responsables do rumbo errático da compañía, que en 1996 saíra a Bolsa e conseguira converterse nunha das empresas máis importantes do mundo para verse rapidamente eclipsada por Google e outras empresas de Internet, ata chegar a ser considerada como irrelevante para boa parte do público (agás polos servizos de correo electrónico e hospedaxe de imaxes da compañía).
Actualmente a dirección da compañía está nas mans de Scott Thomson, nomeamento co que Yang asegura estar entusiasmado segundo manifesta na súa carta de despedida ao Comité de Dirección de Yahoo!.
Jerry Yang cesa dos seus cargos en Yahoo!
Compartir Este Artigo
