Research In Motion (RIM) publicou os resultados do seu cuarto trimestre fiscal, deixando ver que nestes tres últimos meses tiveron uns ingresos de 4.200 millóns de dólares, o que supón un 19% menos que a súa previsión e un 25% menos que o mesmo trimestre do ano pasado; pero estes datos aínda son peores do que parecen, pois veñen acompañados dunha perda neta de 125 millóns de dólares, cando no trimestre anterior gañara 265 millóns e no mesmo trimestre de 2011 gañara 934 millóns de dólares.
Á vista destes resultados non sorprende que nas últimas horas soubésemos do cesamento no seu cargo de varios altos directivos da compañía canadense, como o co director xeral Jim Balsille, o director técnico de software David Yach e o xefe de operacións globais Jim Rowan, que poderían ser só os primeiros dunha importante purga na empresa para intentar un cambio de rumbo que corrixa a situación actual.
Dende RIM comentan que van re enfocar os seus esforzos nos seus puntos fortes, ou sexa, no clientes corporativos, aínda que iso non quere dicir que vaian abandonar o mercado de consumo como deron a entender algúns medios de comunicación nas últimas horas. Tamén confían que a chegada de BlackBerry 10 poidan ser o revulsivo que a compañía necesita, aínda que o retraso desta necesaria actualización da súa plataforma móbil podería facer chegar á empresa a un punto de non retorno.
RIM rexistra perdas netas no último trimestre fiscal
Compartir Este Artigo
