Este xoves 19 de abril celébrase no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) un seminario encamiñado a ampliar o noso coñecemento sobre a investigación baseada na recreación virtual de experiencias reais con tecnoloxía diversa, unha liña de traballo de gran potencial para todo tipo de ámbitos, dende o puramente científico ata o máis empresarial. Baixo o epígrafe Amplía o teu coñecemento en simulación, a xornada vén da man da empresa ANSYS, que, en colaboración co CESGA, amosará exemplos prácticos de ferramentas aplicadas na simulación en enxeñaría, facendo especial fincapé no ámbito do naval.
O evento diríxese a académicos e profesionais da industria, artellándose en presentacións técnicas e demostracións prácticas. Participan na xornada, que comeza ás 10.00 (coa apertura oficial a cargo de Andrés Gómez Tato) e desenvólvese ata as 14.15 horas, a Escola Superior de Enxeñeiros Industriais da Universidade de Vigo e Ibercisa, empresa centrada no deseño e na fabricación, con tecnoloxía de seu, de maquinaria naval para todo tipo de embarcacións.
ANSYS ofrece este xoves en Santiago un seminario sobre simulación en enxeñaría
Compartir Este Artigo
