O galego Enrique Dans, a quen entrevistamos recentemente en Código Cero para dar forma ao noso último número en papel, participou esta semana nuns encontros dirixidos a atopar e afianzar novos vieiros de actividade (creación, comunicación, promoción, distribución) para o sector editorial. A cita (o eForo Publidisa) foi en Madrid e ao seu abeiro reuníronse algúns dos principais profesionais do mundo do libro en castelán. Amais de Enrique Dans, participaron César Rodríguez (OCÉ), Gustavo Vorbechik (Bibliográfika), Álvaro de la Cueva (Garrigues), Luis Fco. Rodríguez (Publidisa), Carlos Estellés (Lola Pirindola) e Susana Martín (Semantix).
Dans, que é un dos principais blogueiros do noso panorama comunicativo, convidou aos representantes do ámbito libreiro a seren valentes e a tirar proveito das comunidades tecnolóxico-sociais dispoñibles e das redes en xeral, onde terán ocasión de potenciar o seu valor engadido e a súa marca, dando un paso á fronte con respecto a dous puntos de referencia: a longa liña de tradición de actividade do sector (un peso de séculos que tamén pode ser unha oportunidade) e máis os restantes ámbitos produtivos ligados á cultura e á creatividade. A xuízo de Dans, non ten sentido innovar sen unha incursión brusca na nova orde mundial: “A disrupción tecnolóxica é unha realidade que debe ser recoñecida e superada para sobrevivir e continuar medrando, no centro de todo está o lector que non debe ser amolado con barreira tecnolóxica algunha”.
Gustavo Vorobechik, director comercial de Bibliográfika e socio de Publidisa en Arxentina fixo fincapé, pola súa parte, nas actuais barreiras á importación de libros no dito país, que poden salvarse, afirmou, botando man de sistemas de xestión en liña da produción, que permitan a impresión dixital local. Tanto os devanditos relatores como os restantes representantes do sector libreiro que se deron cita no foro coincidiron no seguinte: malia que cada día se edita máis, resulta máis complexo acadar os obxectivos de venda fixados. Con todo, esta realidade non é determinante e o sector olla con optimismo o futuro do libro. Ao seu xuízo, é importante que se asuma que repropoñer e innovar “non é un proxecto para mañá, senón unha tarefa de hoxe”. Segundo informou Publidisa de xeito complementario ao encontro, “o 70% dos profesionais consultados coincide na necesidade de reinventarse para afrontar esta grave crise que bate de forma especialmente dura nas industriais culturais, sendo claves para o éxito o comercio electrónico e máis a optimización de procesos”. De feito, só 2% dos representantes xerais do sector sostén que a situación debe encararse a través dunha redución do investimento e agardar a que a economía se volva pór en marcha.
Enrique Dans anima ao sector do libro a dar un paso á fronte cara as TIC
Compartir Este Artigo
