A empresa galega dedicada a solucións informáticas baseadas en software libre, Openinnova, da que xa demos conta pola súa aposta polos tablets con Android como solución para contornos profesionais, está a ofertar novos servizos de cloud computing, escritorio web e almacenamento na nube, concretamente ofrecendo aos seus clientes o escritorio virtual multiplataforma, libre e de balde EyeOS, que inclúe toda a estrutura dun sistema operativo e aplicacións como procesador de textos, calendario, xestor de arquivos, chat, navegador… ao que pode accederse vía web, virtualizando o espazo de traballo, o que supón un aforro en infraestrutura, soporte e licenzas, á vez que se ofrece unha experiencia nova.
Esta plataforma é moi popular, en boa medida pola proxección mediática acadada polo seu co fundador, Pau García-Milà, a quen puidemos ver por Galicia durante a presentación do Proxecto NACCE. EyeOS tamén recibiu numerosos recoñecementos, como o premio ao Innovador do ano 2011 en España pola revista do MIT Technology Review España ou o Premio Actualidad Económica á empresa máis innovadora de Cataluña en 2011.
Pero Openinnova non só ofrece EyeOS como produto na nube, senón que tamén permite gozar dun servizo de nube privada, OwnCloud, que facilita o almacenamento en liña dun xeito seguro e versátil, especialmente útil para persoas que viaxan con frecuencia, para escolas que queiran ter un almacenamento centralizado e dispoñible, para intranets e empresas en xeral.
OwnCloud é un servizo que pode compararse con Dropbox, pero cun maior control por parte da empresa que o contrate, con numerosas opcións como almacenamento de ficheiros en estrutura de cartafoles (tamén WebDAV), criptografía, sincronización co PC, calendario (tamén con CalDAV), lanzador de tarefas, caderno de enderezos (tamén con CardDAV), streaming de música, administración de usuarios e grupos (a través de OpenID ou LDAP), compartir ficheiros a través de grupos ou enderezos web públicos, marcadores, visores de ficheiros ofimáticos, galerías fotografías… en definitiva, un almacenamento na nube pensado para manter os datos dun xeito controlado.
Openinnova achega a Galicia as solucións na nube EyeOS e OwnCloud
Compartir Este Artigo
