Tras recibir unha notificación da Sección Segunda da Comisión de Propiedade Intelectual do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (a coñecida vulgarmente como Comisión Sinde) na que informan do inicio dun procedemento para a protección de dereitos de propiedade intelectual na Rede a raíz dunha solicitude presentada por CEDRO en relación a ligazóns a obras literarias achegadas por usuarios de Vagos.es, a empresa Wamba Project, S.L. decidiu o peche provisorio dos foros da devandita web, para estudar o proceder ante estes feitos.
Dende Wamba Project comentan que, por recibir só unha notificación, e non trasladárselle o expediente completo tramitado polo Ministerio (contra o servizo de almacenamento de ficheiros Mediafire), instaron aos seus avogados a acadar unha copia do mesmo para pode formular alegacións para evitar a súa indefensión. Tamén están a estudar a situación, para poder continuar o funcionamento con garantías legais, procurando minimizar as repercusións nos dereitos fundamentais dos usuarios.
Tamén lembran que a xurisprudencia española sinala que os prestadores de servizo non son responsables de ligazóns a contidos que non albergan, como se concretou en numerosas causas contra páxinas como RojaDirecta, Cinetube, TvMix, IndiceDonkey… á vez que queren destacar que a Red de Empresas de Internet solicitou a impugnación do Real Decreto que regula o funcionamento da Comisión de Propiedade Intelectual.
Vagos.es pecha cautelarmente tras recibir unha notificación da Comisión Sinde
Compartir Este Artigo
