A pasada fin de semana o The Sunday Times informou de que Research In Motion (RIM) está a estudar a posibilidade de dividir os seus negocios en 2 empresas diferentes, unha destinada ao cada vez máis complicado negocio da fabricación de terminais (BlackBerry), e outra para a súa rede de mensaxería. O xornal británico tamén comenta que Facebook e Amazon poderían estar interesados na adquisición do negocio móbil de RIM, mentres que a compañía nai quedaría cos seus servizos de datos, que podería licenciarse a outros fabricantes (aínda que tampouco se desbota a posibilidade de vender tamén esta división de servizos).
O director xeral de RIM, Thorstein Heins, ten comentado nos últimos meses que a compañía non estaba interesada na venda, senón que exploraba novas alianzas, estratexias e modelos de negocio; sexa como fose, parece que a compañía canadense vai desvelar os seus plans de futuro durante o verán, antes do lanzamento da plataforma BlackBerry 10, que pretende ser o elemento que mude a mala fortuna da compañía nos últimos anos (cunha cotización bolsista que non para de baixar).
RIM podería segregarse en dúas compañías para vender o seu negocio de móbiles
Compartir Este Artigo
