O novo deseño da páxina web de Tuenti é máis sinxelo e visualmente atractivoA plataforma social española de máis éxito renóvase profundamente hoxe, e Tuenti estrea na mesma xornada unha nova aparencia da súa páxina web e unha aplicación móbil que busca facilitar a comunicación entre os seus usuarios. O cambio de estratexia da compañía é importante, deixando de centrarse na mocidade e buscando chegar a un público máis amplo e incluso, máis internacional, aproveitando o móbil para fornecer as comunicacións sociais. Os cambios de Tuenti tamén mudan o xeito de entender a privacidade dentro desta plataforma, distinguindo os contactos dos amigos, de xeito que podemos tecer unha ampla rede de contactos, pero manter a nosa intimidade nun contorno máis próximo. A aplicación móbil de Tuenti busca converterse nunha ferramenta de comunicación multiplataforma líderUnha das chaves deste cambio de rumbo é a aplicación móbil Tuenti Social Messenger, que xa está dispoñible para dispositivos con Android e BlackBerry, deixando as súas versións para iOS e Windows Phone para máis adiante (paso bastante lóxico se entendemos o público actual da plataforma). Cómpre destacar que as aplicacións están dispoñibles en múltiples linguas (español, inglés, portugués, catalán, éuscaro, galego, alemán, francés, italiano, holandés, eslovaco e checo). A aplicación permite chatear cos contactos de Tuenti, ver os seus contidos compartidos e importar os contactos da axenda, e inclúe as funcionalidades do novo Tuenti no tocante á privacidade, para o que tamén encriptan as comunicacións. Queda agora agardar se a aposta de apertura de Tuenti é un acerto, conseguindo gañar público e competindo con xigantes como Facebook e sistemas de comunicación como Whatsapp, ou queda todo no intento, o que non debería de ter consecuencias negativas, pois as novidades incorporadas ao servizo principalmente melloran o seu atractivo estético e funcional.