
Isto vense canalizando xa a través de normalizacion.ceg.es, unha páxina web da Confederación que, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, diríxese a resolver, de xeito aberto e accesible, todo tipo de dúbidas que poidan xurdir en relación ao emprego do galego, os dereitos lingüísticos da cidadanía ou as normativas arredor do idioma. Tamén achega unha biblioteca virtual con guías, manuais, estudos ou plans de prevención de riscos todos eles ofrecidos no noso idioma.
Como dixemos, outra das liñas de actividade fornecida a través deste acordo é a o asesoramento lingüístico, incluíndo corrección e tradución de textos ao galego para as empresas, ofrecido todo a través do servizo de normalización da CEG co apoio da Consellería. O obxectivo é “que os empresarios poidan mellorar a súa competencia comunicativa en lingua galega e activar o seu uso como lingua vehicular das firmas”, sinálase.
Dentro das tarefas do servizo de normalización lingüística da CEG, amais do devandito, atópase a creación de recursos destinados a estas empresas interesadas en incorporar o galego á súa actividade. Para isto os empresarios contan con técnicas e ferramentas específicas destinadas a mellorar as súas habilidades de atención ao público, e a prestación de produtos e servizos en galego, tanto por vía telefónica como por Internet.
Segundo informa a Confederación, o servizo lingüístico da CEG atendeu o pasado ano máis de 1.000 consultas, entre asesoramento lingüístico, solicitude de traducións e/ou correccións e descarga de modelos de documentación de xestión empresarial.
Tanto para a Consellería como para a Confederación, estas cifras non fan máis que certificar o interese crecente polo uso do galego entre o noso tecido produtivo (con 300 solicitudes máis que en 2010), “polo valor da lingua de Galicia e polos beneficios de promovela desde o marco do plurilingüismo emerxente, como símbolo de modernidade, innovación, proximidade e, sobre todo, como vantaxe competitiva”, engaden.
A Confederación de Empresarios de Galicia impulsa a nosa lingua no tecido produtivo a través das novas tecnoloxías
Compartir Este Artigo
