Tendo en conta como está o mundo, cheo de leis que permiten que calquera cidadán teña acceso a un arma e de acontecementos dramáticos derivados disto (pois as armas xa se sabe quen as carga), non parece moi intelixente anunciar no Twitter que tes unha serie de armas ou bombas e que che gustaría empregalas en Nova York. O caso é que logo de que un cidadán dos EE UU amosase a intención de perpetrar unha matanza nun teatro de Broadway, na liña dos tristes acontecementos de Aurora (Colorado), a rede social Twitter avisou á policía, dándolle a identidade do usuario.
Así nolo conta The New York Post e reflicten medios españois na Rede, facendo fincapé no feito de que a rede Twitter se vise obrigada practicamente a desvelar os datos persoais do membro da comunidade devandito, incumprindo deste xeito unha boa parte dos seus autoregulamentos. Esta información a maiores foi dada logo de recibir o servizo 2.0 unha citación da oficina do fiscal de Manhattan.
“Isto non é ningunha broma, vou en serio, vai morrer xente como en Aurora”, deixou escrito o usuario @obamasmistress a través dun tuit, se cadra querendo chamar a atención e nada máis, ou ben desexando que o apreixasen antes de cometer un crime que non tiña pensado cometer ou ben, tendo en conta a tendencia de certos criminais de lanzar advertencias e autolouvanzas nas redes (é o caso do noregués Anders Behring Breivik), simplemente avisando de algo que ía facer con total certeza. O caso é que segundo se conta, Twitter actuou máis por obriga, por verse contra as cordas, que por vontade total de querer achegar a máxima colaboración. De feito, deu a entender que non lle parecía haber risco de abondo: “Temos procedementos de publicación en casos de emerxencia cando unha ameaza é específica e presente, pero esta non semella entrar neses estritos parámetros segundo as nosas políticas”.
Twitter achega á policía a identidade dun usuario que ameazou cunha matanza en Nova York
Compartir Este Artigo
