Hewlett-Packard, tras unha forte amortización no valor do seu negocio de servizos (provocado en boa medida pola adquisición de Electronic Data Systems), e unha caída interanual de ingresos netos do 5% ata 29.700 millóns de dólares, tivo que dar conta dunhas perdas trimestrais de 8.850 millóns de dólares, polo que a situación da compañía sería peor do que agardaban os analistas de Wall Street, pero non parece ser unha situación preocupante, pois trataríase dunha situación puntual nun proceso de reestruturación da compañía a longo prazo. De feito, nestes últimos meses a empresa está a mudar de prioridades, reducir custos e realizar distintos cambios organizativos para mellorar o seu balance económico.
O balance interanual das distintas áreas de negocio de HP é desigual, de xeito que mentres os ordenadores, as impresoras e os servizos padeceron caídas do 10%, 3% e 3% respectivamente, o software medrou un 18% e a área de redes un 6%. Os servizos financeiros tamén melloraron. Deste xeito podemos entender que mudando a orientación da compañía poderían superarse os atrancos que están a xurdir sen moito problema, pois é o mesmo camiño que están a seguir outras empresas como IBM e Oracle.
HP perdeu 8.850 millóns de dólares no último trimestre fiscal
Compartir Este Artigo
