A Rede CeMIT comezou este mes de setembro resumindo logros recentes de actividade e participación e adiantando cousas novas. Para comezar, fíxose un reconto polas accións desenvolvidas entre o 7 de maio e o 25 de xuño nos espazos da rede de 48 concellos galegos: catro microactividades relacionadas co sector multimedia e audiovisual, nas que se inscribiron máis de 1.300 persoas. Tratouse de accións de balde, inseridas no Programa de Dinamización 2012 da Rede CeMIT e seguindo o formato xa habitual de combinar formación presencial e virtual. Por certo que non están pechadas: continuarán a partir do 10 de setembro abordando cuestións ligadas (de novo) ao audiovisual e o sector multimedia.
Máis en detalle, do 10 ao 13 de setembro desenvolverase un curso sobre streaming de audio e vídeo de 15 horas centrado nas diferentes tecnoloxías para a xeración de contidos para streaming; e do 24 ao 27 de setembro, levarase a cabo unha actividade tamén de 15 horas sobre o papel do Community Manager e as ferramentas e empregar no seu día a día. Para a realización de ambas actividades, informa AMTEGA (a axencia da Xunta responsable da rede de aulas), “empregarase o sistema de videoconferencia e videocolaboración das aulas CeMIT o que permitirá desenvolver as mesmas en formato presencial e telepresencial”. As persoas que queiran participar deberá formalizar a reserva a través do servizo de inscrición habilitado ou ben mediante o teléfono 981 552 568.
Lembrar que a Rede CeMIT está integrada arestora por 98 aulas presentes en 92 concellos e 53 comarcas, co obxectivo de “promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á PEME e MICROPEME as vantaxes da sociedade da información”.
Proseguen as actividades multimedia de CeMIT, nas que participaron máis de 1.300 persoas dende maio
Compartir Este Artigo
