Gaiman posando cos protagonistas do episodio do Doutor Who que valeulle un Premio HugoOnte pola noite fíxose entrega dos Premios Hugo, cos que se galardoan distintas obras de ciencia ficción, e que podían seguir milleiros de persoas por todo o mundo grazas ao servizo de streaming de vídeo Ustream, retransmisión que veuse ensombrecida cando se interrompeu durante o discurso de aceptación de Neil Gaiman (polo seu guío por un episodio da serie de televisión do Doutor Who), incidente que non foi provocado por un fallo técnico, senón por unha suposta infracción de copyright, pois o sinal de vídeo inclúe contidos audiovisuais das obras nomeadas (algo que claramente non infrinxe os respectivos dereitos, e para o que a organización dos Premios solicitara permiso expreso). Temos así que un sistema automatizado de control de dereitos de autor bloqueou a única emisión en directo dos Premios Hugo. Neil Gaiman (á esquerda) cun Premio Hugo gañado anteriormenteDende Ustream desculpáronse polo incidente, e explicaron que os fragmentos de vídeo amosados antes do discurso de Gaiman dispararon as alertas dun software de terceiros (Vobile) que detectou contidos con copyright, bloqueando a retransmisión. Nese momento recibiron moitas queixas a través de Twitter e intentaron levantar o veto da retransmisión, pero non foron quen de facelo antes de rematar o evento. Ante os problemas causados, Ustream suspendeu o uso deste sistema DRM ata que poidan axustalo para un mellor equilibrio entre emisores, espectadores e propietarios de contidos protexidos. Tamén informan de que o problema podería terse evitado se a retransmisión dos Premios empregase a versión de pagamento do seu servizo, pois os usuarios que fan uso desta modalidade de servizo están incluídos nunha listaxe branca.