No vídeo musical de Gangnam Style o rapeiro PSY simula ir a lombos dun cabalo invisible, o que inspirou numerosas parodias en todo o mundoNos últimos anos a explosión do vídeo na Internet creou auténticos fenómenos, de xeito que durante moito tempo o vídeo máis visto na Rede era o titulado Evolution of Dance, no que poidamos ver a un humorista descoñecido repasando numerosas cancións e os peculiares xeitos de bailalas, e que dende 2006 superou os 200 millóns de reproducións en YouTube, pero a emerxencia na plataforma de vídeos de YouTube de vídeos musicais de xeito oficial está a mudar considerablemente o panorama e agora, son estas pezas as que xeran un maior número de impactos, sendo actualmente os líderes do fenómeno Justin Bieber, Jennifer López, Eminem, Shakira e Lady Gaga, todos eles apoiados en VEVO (plataforma de promoción musical de Sony Music Entertainment, Universal Music Group, Abu Dhabi Media Company e Arthur Music Company, que tamén conta coa licenza de reprodución dos contidos de EMI). Pero que estea moi consolidado o cumio da pirámide de reproducións de vídeos na Rede non implica que estea libre de ter que facer sitio a novas propostas, e nos últimos días sorprendeu, especialmente nos EE.UU., a chegada dun rapeiro surcoreano que responde ao nome de PSY (chámase realmente Park Jae-song), e que en menos de 2 meses conseguiu superar os 100 millóns de reproducións en YouTube, converténdose no músico coreano de maior éxito en YouTube (e no artista coreano con maior éxito nos EE.UU.) desbancando ao Call Me Maybe de Carly Rae Jepsen, que levaba todo o verán dominando a Rede. O vídeo musical de PSY destaca polo seu ton humorístico, no que podemos ver enfrontamentos de baile tan simpáticos como absurdosO éxito do Gangnam Style de PSY non se limita a YouTube, senón que tamén se está a espallar con moita forza noutras plataformas sociais, estando considerado como a sensación viral máis rápida ata o momento, pois a orixinalidade e falta de vergoña do seu vídeo musical (que destaca por unha coreografía na que PSY parece ir a lombos dun cabalo invisible) valeulle numerosas imitacións que en YouTube tamén conseguiron millóns de reproducións e incluso levaron a que unha destas parodias aparecese no programa da NBC Jay Leno Tonight Show. Polo momento o vídeo de PSY continúa a medrar a moi bo ritmo en reproducións, polo que é de agardar que se manteña como o vídeo máis reproducido en YouTube durante varias semanas, demostrando que, pese ao dominio actual das grandes discográficas norteamericanas, é posible destacar globalmente desde calquera curruncho do mundo.
O vídeo musical de Gangnam Style foi o que conseguiu superar os 100 millóns de reproducións en YouTube en menos tempo