Turgalicia mantén a través da súa páxina web unha serie de propostas para que os internautas se acheguen á realidade da nosa terra, alén das autoestradas e as vías de comunicación máis importantes que, a fin de contas, son iguais en todas partes. Trátase de 35 ideas de itinerario, artelladas en cinco bloques temáticos, achegadas co obxectivo de facilitar o coñecemento da Comunidade non só a quen veña de fóra, senón aos propios habitantes da Comunidade, moitas veces (polos motivos que sexan) situados de costas á realidade máis próxima. As excursións preséntanse en formato de itinerario guiado para unha ou varias xornadas, cun tema específico (os bloques Santuarios máxicos, Patrimonio oculto, Faros e praias salvaxes, Bosques de Galicia e Lugares do noso patrimonio natural e artístico) que opera como columna vertebral da viaxe.
Na web de Turgalicia é posible facer a contratación, logo de que nos leve da man á páxina dmcgalicia.es e, aí, acheguemos os nosos datos. Por certo que está previsto someter a ampliación as devanditas cinco áreas temáticas dos 35 paquetes turísticos na recta final deste ano en curso, coas achegas dos bloques Camiño de Santiago, Paseando entre viñedos, Mananciais de Galicia, Ruta da camelia e Turismo mariñeiro. O prezo das rutas oscila entre os 39 e os 389 euros.
A web de Turgalicia permite contratar 35 itinerarios pola nosa terra
Compartir Este Artigo
