A organización do Festival Amal, a Fundación Araguaney, busca voluntarios para reforzar o seu radio de alcance, obxectivos e repercusión internacional. Cómpre lembrar que o certame ten o seu centro de operacións en Santiago (estendéndose), onde amosa cada ano unha escolma audiovisual de temática árabe, salientando as súas múltiples manifestacións en todo o mundo e achegando canles para un maior entendemento entre culturas. Este labor de colaboración entre pobos pode ser compartido, directamente, por múltiples persoas. Dáse a circunstancia de que unha boa parte do que se precisa é mans para traballar a través das redes.
Nesta edición, do 14 ao 20 do próximo mes de outubro, e con 9 anos de experiencia, a intención é que se implique o maior número de xente para que o festival “se manteña moi vivo e fresco, e que a décima edición sexa un éxito”, engade a organización. Así, calquera persoa maior de 18 pode participar no mesmo, desenvolvendo labores de toda índole: organizativos, audiovisuais, de tradución, de prensa, deseño web e achega de contidos en páxinas web, de elaboración de dossiers ou de animación (para controlar as actividades paralelas ás proxeccións, como o obradoiro de cine árabe para nenos). “Ser voluntari@ de Amal”, engádese dende a Fundación Araguaney, “supón obter de balde unha experiencia nun eido tan importante como é un festival de cine internacional, vivindo durante unha semana rodeadas/os de directores e libretistas de cine de todo o mundo, sobre todo do mundo árabe e colaborando con xente experta en varios sectores do xornalismo, do deseño gráfico, da informática, artistas e especialistas en cinema”.
O Festival Amal busca voluntariado para ampliar o seu alcance real… e virtual
Compartir Este Artigo
