
Segundo apuntan fontes do centro galego, a gran vantaxe deste tipo de aeroxeradores é que evitan as molestias que adoitan a causar os de terra (o bruar das aspas, a habilitación de pistas para chegar aos muíños no medio de paraxes naturais, etc), co engadido a ter en conta da presenza dos fortes ventos que zoan lonxe da costa.
O problema é que aínda hai retos por resolver no que se refire ao seu despegue definitivo. Neste punto está a traballar o Departamento de Análise e Deseño de Aeroxeradores (ADA) do Centro Nacional de Enerxías Renovables (CENER), contando para as súas investigacións coa capacidade de cálculo do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Así nolo explica Sugoi Gómez-Iradi, investigador do CENER: “Estanse a buscar novas solucións para incrementar o rendemento dos muíños no mar, que nun principio non eran outra cousa que aparellos de terra escalados e que logo foron facéndose máis grandes, rendemento que pasaría por incrementar a velocidade de rotación das pas co fin de capturar máis aire e así obter máis enerxía”. En terra isto é máis complexo de desenvolver debido a que o aumento da velocidade de xiro tamén incrementa o ruído. Outro dos problemas aos que enfronta o deseño de muíños mariños é o da comprensibilidade. Isto consiste nunha propiedade da materia que provoca que os corpos decrezan de volume se os sometemos a presión. “No caso das instalacións de enerxía eólica”, engaden dende o CENER, “considérase que os efectos de compresibilidade do ar cumpriría telos en conta cando a velocidade anda a rentes dos 100m/s (0.3 Mach), aínda que tamén afecta a velocidades máis baixas”. Polo tanto, por estes e outros motivos, é preciso levar a cabo importantes operacións de cálculo para mellorar ao máximo o deseño de elementos como as puntas das aspas, e é aí, entre outras cousas, onde entra en xogo a tecnoloxía dos supercomputadores do CESGA.
O CESGA fornece de tecnoloxía de cálculo ao deseño de muíños de mar
Compartir Este Artigo
