Telefónica Movistar presentou este venres 7 de setembro un novo servizo para pórlle as cousas máis doadas aos seus clientes de cara a faceren determinadas compras en liña. A medida materialízase a través do establecemento virtual de Android Google Play, pois a través deste servizo do buscador poderase pagar por aplicacións e contidos acubillados na devandita tenda directamente coa factura de Movistar. Para facermos isto, só teremos que seleccionar a opción Facturar á miña conta de Movistar.
A nova solución é froito dun acordo entre as dúas compañías para favorecer o acceso a aplicacións e contidos dixitais “do xeito máis cómodo e seguro”. Sobre as vantaxes do sistema, segundo apunta Telefónica son moitas e variadas, “tanto se adquirimos unha aplicación ou un xogo para teléfono móbil, como se realizamos compras dentro das propias aplicacións que se veñan descargando”. A facturación directa, engádese, permite aos clientes cargar o custe da compra á factura ou ao saldo prepago do móbil de xeito doado, sen que sexa preciso empregar tarxeta de crédito.
Os clientes de Movistar poden pagar compras en Google Play coa factura do móbil
Compartir Este Artigo
