O Proxecto NACCE colle pulo este mes de setembro coa celebración do primeiro dunha serie de encontros destinados a impulsar o crecemento de empresas TIC das dúas beiras do Miño. Esta xuntanza de apertura, o I Foro NACCE de Internacionalización de PEME TIC de Galicia e Norte de Portugal, desenvólvese este xoves 13 de setembro na Cámara de Comercio de Vigo e nela está previsto que participen 75 empresas e emprendedores do sector tecnolóxico-dixital galego-portugués, que terán ao seu alcance a posibilidade de manter entrevistas individualizadas con profesionais expertos deste eido produtivo ligado ao coñecemento (os integrantes do Núcleo NACCE). O prazo de inscrición para participar no primeiro foro fica aberto ao longo deste mércores 12.
O evento transcorrerá ao longo da mañá do xoves con relatorios sobre estratexia internacional, xestión e experiencias internacionais da man de reputados profesionais como José Ramón Pais (vicepresidente da Fundación Innovapyme Galicia), Elías Pérez (cofundador de Quobis) ou José Manuel García, actual responsable de Binaurality.
O primeiro foro (ao igual que os seguintes programados) é unha oportunidade para as empresas TIC da Eurorrexión que queiran coñecer os vieiros de internacionalización da súa iniciativa de mercado, aprender con experiencias reais e recibir asesoramento personalizado ao seu caso nas mesas de traballo e de forma virtual no proxecto NACCE.
Pola tarde, cómpre lembrar que os asistentes do foro poderán entrevistarse cos profesionais de xeito personalizado en mesas de traballo. Trátase dunha xornada aberta e de balde, pero con prazas limitadas, polo que é preciso confirmar previamente asistencia.
A idea dos responsables desta xuntanza é favorecer o pulo no exterior dunha manchea de iniciativas do máis variado: comercio electrónico, desenvolvementos para Internet, tecnoloxías con aplicación na saúde, aplicacións móbiles, realidade virtual. O foro, e o Proxecto NACCE por enteiro, ten potencial como para axudar ás nosas empresas a afianzar as súas raizames no mercado global, lanzar os seus produtos en máis mercados có noso ou atopar socios empresariais.
A xornada inaugúrase oficialmente pola delegada territorial da Xunta de Galicia, en Pontevedra, María José Bravo Bosch, con representantes das entidades promotoras.
Os seguintes foros programados son:
· II FORO NACCE, FORO DE INNOVACIÓN EN PEME TIC GALICIA-NORTE DE PORTUGAL. Data: 18 de setembro de 2012. Lugar: Ourense
· III FORO NACCE, FORO DE COLABORACIÓN. Data: 20 de setembro de 2012. Lugar: Pontevedra
· IV FORO NACCE, FORO DE INNOVACIÓN II. Data: 27 de setembro de 2012. Lugar: Guimarães
NACCE é un proxecto que se inscribe dentro da segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España -Portugal 2007-2013. No proxecto NACCE participa como xefe de fila e responsable a Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, xunto á Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC), a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo, a Universidade de Vigo, a Asociación Empresarial AIMINHO e a Asociación Centro de Computación Gráfica de Portugal.
75 emprendedores e empresas TIC de Galicia e o Norte de Portugal abren este xoves os Foros NACCE
Compartir Este Artigo
