O Centro Gradiant organizou esta semana un encontro para informar das actuais (e futuras) axudas europeas en materia de innovación empresarial. Máis polo miúdo, tratouse dunha xornada gratuíta a catro bandas (da man de Gradiant, o CDTI, a Axencia Galega de Innovación e a asociación Ineo) sobre as vindeiras convocatorias para a cooperación TIC e investigación para empresas do VII Programa Marco da Comisión Europea. A sede do centro galego, emprazada no edificio CITEXVI do Campus de Vigo, acolleu finalmente a máis de 60 empresarios-profesionais do tecido tecnolóxico galego, interesados en coñecer, de primeira man, recursos para internacionalizárense.
O programa de actividades deu comezo cunha charla de benvida, a cargo do director da Axencia Galega de Innovación, Ricardo Capilla, do director de Gradiant, Fernando Pérez e de Jorge Cebreiros, presidente da asociación empresarial Ineo.
Rebeca Frías, responsable de Mercados Innovadores Globais do CDTI afondou a continuación no que teñen os empresarios ao seu alcance en materia de oportunidades de financiamento do programa de Cooperación TIC. Logo, Luis Guerra, representante nacional da área de Investigación para PEME do CDTI, debullou a última convocatoria do programa Capacidades dedicada á Investigación para PEME.
Na xornada tamén participaron, dando a coñecer as súas experiencias concorrendo en proxectos europeos de apoio á innovación, as empresas galegas BitOceans e Imaxdi.
Máis de 60 persoas participaron na xornada de axuda á internacionalización TIC de Gradiant
Compartir Este Artigo
