Polo visto, moi pouca xente é nas redes quen é en realidade. Non é que haxa perfís mortos ou duplicados, ou inútiles, que os hai, é que mesmo nos perfís reais, que responden a xente real, hai moito de traballo trampulleiro. Segundo un estudo de Intel feito ao fío do devandito, os nosos acubillos persoais nas comunidades 2.0 reflicten directamente as nosas aspiracións, incluíndo, polo tanto, o noso desexo de parecer máis populares, atractivos, intelixentes ou mesmo excéntricos. Conclusión: á maior parte da xente lle gustaría asemellarse máis, na vida real, ao personaxe que proxecta cadanseu perfil. Isto abrangue, dise, á metade dos usuarios europeos.
O estudo en cuestión, encargada por Intel para Europa e Oriente Medio, achega datos de interese sobre as arelas por sexo nos servizos dixitais: os homes querendo parecer máis divertidos e intelixentes do que son e as mulleres desexando amosar unha imaxe preta á perfección. Por países, os holandeses son os que máis desexan parecerse ao seu “eu” virtual, o que non deixa de ser curioso, tendo en conta que estamos a falar dun país que moitos de nós xa tiñamos previamente idealizado (coas súas liberdades sociais, cos seus avances en rendibilidade e sustentabilidade ecolóxica, coa súa sona de acolledor). Polo que atinxe a España, a taxa de persoas que quererían transformarse nos seus perfís é do 50% (o raro é que non aumente, coa que está caendo). A enquisa, en realidade, non responde a nada novo: o único novo son as canles que entran en xogo, como Facebook, Twitter, Tuenti e demais; o resto non é máis que a aplicación ao virtual da vella teima do ser humano, moitas veces inútil, de fuxir dunha realidade que non lle acaba de acaer.
Segundo o estudo, as mulleres teñen máis tendencia “a manipular os seus perfís nas redes sociais mediante a selección coidadosa das imaxes máis favorecedoras, mentres que os homes céntranse máis na personalización das súas mensaxes para ser máis divertidos do que en realidade son”. Conclusión: xa temos máis motivos, por se houbese poucos, para que os índices de afección desmedida ao dixital sigan a medrar.
Á metade dos europeos gustaríalles parecerse máis ao seus perfís nas redes sociais
Compartir Este Artigo
