O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) cumpre este ano en curso o seu 20 aniversario, “dúas décadas de traballo no eido da investigación e o desenvolvemento de Galicia”, segundo fontes do complexo empresarial. Os meses vindeiros serán, ao fío disto, meses de celebracións. Nesta liña insírese un acto de especial relevancia para o día 5 de outubro, ao que están convidadas/os tódolas/os empresarias/os do parque e coa finalidade de converter a xuntanza, entre todas/os, “nunha auténtica iniciativa para a promoción da cultura da innovación aberta”.
A idea é fortalecer con esta cita, de acó en adiante, unha estratexia que xere confianza e impulse a posta en marcha de proxectos de colaboración cuxo formato sexa susceptible de ampliarse a todo o tecido empresarial galego e a outros partes ou centros de I+D.
A cita 5 Sentidos para Innovar contará con outras tantas vertentes, unha por cada sentido humano: Spazo Vista, Spazo Tacto, Spazo Gusto, Spazo Olfato e Spazo Oído. A inauguración está prevista para as 9.45 horas, no Edificio CEI da Tecnópole e contarase ao longo do día coa participación (entre outros moitos) de Ricardo Capilla, director da Axencia Galega de Innovación, Andrés Mazaira, fundador de Bridge Mediatech ou Daniel Álvarez, principal impulsor do Instituto Ben Pensante.
A Tecnópole celebra os seus 20 anos de actividade co encontro 5 Sentidos para Innovar
Compartir Este Artigo
