A convocatoria 2012 (a número 13) do Premio Fundación Telefónica de Innovación Educativa ten notable presenza galega. Máis polo miúdo, a de catro traballos escolares que se fixeron un oco entre os gañadores: tres achegas da provincia da Coruña e unha de Pontevedra. En concreto, sinalan fontes de Telefónica, trátase dos traballos A viaxe de Alicia con e-Adventure: coñece a túa cidade (primeiro premio do certame, presentado polos profesores Sonia Vivero Nogueiras, Agapito Muñiz Llanos e Pilar Martínez Souto, do IES de Sabón, Arteixo, a Coruña), Ilusionarte coas TIC (segundo premio, a man de Concepción Villar Suárez, da Escola de Educación Infantil de Milladoiro, Ames), Proxéctate con nós (segundo premio, presentando por Patricia Doval, do CEIP Manuel Sieiro de Crecente, Concepción Villar, da Escola Infantil de Milladoiro, e Ana Belén Rodríguez, do CPR Luis Vives, de Ourense) e MarinoFeQ (terceiro premio, achegado por Francisco Mariño, do IES Porto do Son).
Polo que respecta os contidos de cada unha das iniciativas recoñecidas, son estes que detallamos de seguido:
· A viaxe de Alicia con e-Adventure: coñece a túa cidade. Trátase dunha aventura gráfica onde o alumno debe axudar a un personaxe a regresar á súa casa, explorando distintos escenarios e épocas e, de paso, obtendo coñecementos sobre mitoloxía, arte, toponimia, xeografía e historia.
· Ilusionarte coas TIC. Estamos ante un blog que recolle tódalas actividades que levan a cabo os alumnos do segundo ciclo de infantil na materia de Linguaxe Audiovisual e Novas Tecnoloxías. Está dividido en diferentes seccións (contos, radio, cinema, xogos), nas que se expoñen as accións desenvolvidas polos alumnos.
· Proxéctate con nós. Participan no proxecto tres centros educativos, como dixemos. O obxectivo é crear unha curta mediante o traballo cooperativo. O tema elixido é a protección do medio ambiente, dando a coñecer ao morcego como especie animal favorecedora para a conservación dos ecosistemas. Os alumnos están presentes en tódolos intres do proceso de traballo, mantendo a comunicación e coordinación entre os centros participantes.
· MarinoFeQ. É unha web de Física e Química que ten como finalidade motivar ao alumno facilitando o proceso do ensino e favorecendo o emprego das novas tecnoloxías. Contén múltiples recursos como vídeos, presentacións, etc, todos eles relacionados coa materia en cuestión. Ademais, o uso de Twitter fomenta o traballo de colaboración e a aprendizaxe informal en cursos posteriores.
Os premios
A Fundación Telefónica convoca cada ano o Premio de Innovación Educativa co que “recoñece o labor de profesores e axuda a impulsar un cambio metodolóxico real na aula a través do apoio aos docentes que traballan de xeito innovador coas TIC”.
En total, presentáronse ao concurso 1.724 traballos de 25 países distintos. En total houbo este ano 38 achegas premiadas. Os gañadores dos premios viaxarán en novembro a Perú para asistir á cerimonia de entrega de galardóns, que se realizará no seo do Encontro Internacional de Educación organizado por Fundación Telefónica.
Catro traballos galegos, entre os premiados por Telefónica en Innovación Educativa
Compartir Este Artigo
