Quen máis quen menos, con nenas/os na casa, preguntouse algunha vez que facer con toda esa roupa que de contado fuxe de talle, chaquetas, pantalóns e pixamas que só se poden pór durante uns poucos días, tal é a velocidade de crecemento dalgún pequecho. Leas aparte, e xa que temos Rede, era precisa unha web que nos axudase a intercambiar roupa de cativos. Este oco véñeno a encher webs como Grownies.com, posta en marcha polo enxeñeiro informático Joan Marc García e o arquitecto Christian Pontes co fin de permitir o intercambio das prendas que xa non empreguemos, de idades de 0 a 8 anos e entre tódolos fogares españois.
A páxina Grownies.com, en marcha dende antes do verán, bebe directamente dun sitio semellante habilitado en San Francisco (EE UU), que á súa vez recupera para a web o saudable espírito de troco de obxectos e bens (máis saudable que nunca nuns tempos de crise dos que semella que non imos dar saído a curto ou medio prazo). A páxina opera de xeito doado e intuitivo: calquera pai ou nai que teña roupa poñible e que por motivos diversos ficara estancada nos andeis dos armarios (porque está pasada de moda ou porque ficou cativa de tamaño) pode ofrecela na web, en lotes, acompañándoa dunha fotografía e de datos sobre talle e características. A partir de aí, o usuario será obxecto dun crédito para adquirir outro dos lotes que haxa na web e que lle acaia mellor ás súas demandas, a un prezo único (requirimento fundamental) de 15,95 euros que incorpora o custe de intercambio e o transporte (a cargo de MRW).
En marcha unha web para permitir o troco de roupa de cativos
Compartir Este Artigo
