A rede de emprendedores e investidores InnoBAN, con centro de operacións en Vigo, vén de asinar un acordo con Clarke, Modet & Cº España co obxectivo de afianzar e impulsar proxectos de innovación empresarial. Máis polo miúdo, en virtude deste convenio a devandita axencia internacional prestará asesoramento específico aos emprendedores e investidores adheridos á Rede de Business Angels InnoBAN en cuestións “relacionadas coa propiedade industrial e intelectual, xestión da innovación, novas tecnoloxías da información, vixilancia tecnolóxica e intelixencia competitiva”, segundo nos conta Luis Fernández, socio director da rede galega.
Máis polo miúdo, tanto InnoBAN como os seus integrantes poderán beneficiarse (en “condicións especiais”, sinálase) dunha serie de servizos que abranguen todo o proceso de xestión da innovación, dende o seu rexistro e xestión ata a súa explotación e defensa, incluíndo, entre outras liñas de traballo, intelixencia tecnolóxica e competitiva, transferencia tecnolóxica, valoración de activos, patentes e modelos de utilidade, marcas e nomes comerciais, deseño industrial, avaliación de carteira de patentes, protección de modelos de negocio, Internet e novas tecnoloxías e valoración de software.
Asemade, ámbalas entidades colaborarán na realización de xornadas divulgativas arredor da propiedade industrial e intelectual orientadas a emprendedores e business angels.
Lembrar que Clarke, Modet & Cº é unha das grandes empresas do mundo en materia de propiedade industrial e intelectual.
Os integrantes da rede galega InnoBAN recibirán asesoramento tecnolóxico de Clarke, Modet & Cº
Compartir Este Artigo
