Estar diante da pantalla do noso computador ou dispositivo non vai ter repercusión negativa na nosa saúde, sempre e cando o tempo que empreguemos a estar diante da pantalla sexa o que se entende por razoable. A partir da liña que nos dita o sentido común, de cruzármola, a cousa pode enlearse. Así nolo conta a Sociedade Española de Oftalmoloxía, que vén de reunir nun congreso a unha serie de expertos que coinciden no seguinte: o emprego frecuente de pantallas electrónicas (televisión, computador, móbil, tablet, consola) pode ocasionar ou agravar o mal do ollo seco, entre outras patoloxías oculares.
E explican: “Se as persoas que xa teñen tendencia a sufrir sequidade na vista se expoñen a pantallas electrónicas durante moito tempo, o ollo resécase e produce irritación”. Unha das bases desta teoría atópase nun informe xaponés publicado no número de setembro de PloS One, que revela que os achados médicos suxiren que a excesiva acumulación de secrecións vesicais no epitelio acinar podería contribuír á reducida secreción de bágoas nos usuarios de terminais electrónicos. Os síntomas, máis habituais polas mañás, son sensación de ter areas nos ollos, proído, fotofobia e visión borrosa, entre outros. Medidas a tomar? Pois ademais de racionalizar os tempos de uso dos ditos aparellos, é conveniente ter a man, preto do computador, unha considerable cantidade de auga. Ou sexa, que é importante estarmos hidratados para compensar a falta de humidade nos ollos.
O uso excesivo de pantallas pode agravar problemas de sequidade nos ollos
Compartir Este Artigo
