
Segundo engaden, a metodoloxía elixida para dar forma a este inventario, do que temos falado en Código Cero con motivo da súa posta en funcionamento e do primeiro gran éxito de traballo en mancomún, é a fórmula do catálogo social, en boa medida responsable do éxito acadado. “Este tipo de formatos”, sinalan, “permítenlle á cidadanía poder involucrarse de xeito activo a través dunha participación directa no proxecto, ao contrario do que ocorre cos catálogos oficiais”. A principal consecuencia destes novos formatos é que é posible crear redes amplas de voluntarios, no caso concreto que nos ocupa dirixida a documentar e preservar os nosos bens contándose coa vantaxe dunha cobertura íntegra de todo o territorio galego.
Os participantes teñen a posibilidade de rexistrar un ben patrimonial a través da creación dunha ficha virtual. Nela figuran fotografías e datos identificativos do ben en cuestión, así como o seu estado de conservación ou como chegar onda el. Os usuarios dispoñen de material facilitado polos editores de patrimoniogalego.net, como os impresos, que poderán empregar cando realicen algún traballo de campo, nos que figuran aspectos de interese dos bens, como a súa datación, a súa propiedade ou a súa descrición. Unha vez recollida a información , os catalogadores poden daquela subir a ficha ao inventario en liña, quedando deste xeito constancia na web da existencia dun monumento ou dun ben cultural determinado. “É máis”, engaden os responsables do proxecto, “de non figurar toda a información necesaria, os propios editores do catálogo encárganse de contrastala e de completala, sempre na medida do posible”. En caso de non acadalo, a ficha fica en suspenso ata que se dispoña de datos suficientes relativos a ese ben en concreto.
Por certo que a ficha número 2000 correspondeu a un edificio civil urbano de carácter senlleiro: o que alberga o instituto de Santa Irene, emprazado na parroquia viguesa de Coia. Foi subida por Óscar Franco, un dos colaboradores máis activos neste catálogo social. Xunto con el, outros catalogadores que superaron a centena de bens inventariados son Elixio Vieites, Xosé Troiano, Gavilanes67, Xandinathry, Xocas e Manuel Rial.
Patrimoniogalego.net acada un novo éxito: dous mil bens catalogados na Rede
Compartir Este Artigo
