A Federación de Confrarías de Pescadores da costa da Lugo quere que se coñeza o seu labor e que a sociedade (galega, española, europea, mundial) saiba da importancia do sector pesqueiro de A Mariña (facéndose fincapé na alta calidade dos produtos xerados da súa actividade e máis no valor dos recursos empregados, altamente sostibles). Con este motivo, a federación impulsou unha campaña de promoción, Mar de Lugo, que entre outras novidades con respecto a campañas semellantes acompáñase dunha completa vertente dixital. Deste xeito, a través da iniciativa púxose en marcha unha web de seu, mardelugo.es, e unha ampla achega (dentro e fóra da dita web) de material audiovisual e multimedia.
Neste último paquete de actividades inclúese un DVD documental sobre o labor das confrarías de Lugo, dez mil guías explicativas, 5.000 mapas ilustrados sobre estas entidades e as principais artes de pesca e diferentes puntos de información emprazados en cada un dos pósitos da costa lucense.
A campaña deuse a coñecer a semana pasada no salón de actos da Confraría de Pescadores de Burela, nun acto que contou coa presenza do secretario xeral do Mar da Xunta, Juan Carlos Maneiro, que tamén asistiu á Xunta Xeral da Federación Provincial de pósitos, onde se trataron diferentes cuestións de interese para o seu futuro e para a súa óptima rendibilidade.
Na posta en longo da iniciativa tamén estiveron presentes Alfonso García e Sergio López, presidente e secretario da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo, Pablo Fernández Asensio, xefe territorial de Pesca da Xunta de Galicia, así como representantes das diferentes asociacións: Basilio Otero (patrón maior de Burela), Máximo Díaz (secretario de Celeiro), Celia Pazo (patroa maior de Ribadeo), Ana María Meitín (vicepatroa de San Cibrao) e Faustina Solloso (patroa maior de O Vicedo).
Lembrar que o proxecto Mar de Lugo creouse para divulgar as actividades impulsadas polas devanditas confrarías nos ámbitos da xestión da pesca costeira e o marisqueo nun contorno xeográfico o da Mariña, que apoia unha boa parte do seu tecido produtivo nas actividades pesqueiras. O obxectivo último é pois o de manter a capacidade da pesca, o volume da flota e do emprego, e todo tentando mellorar a rendibilidade, facendo fincapé nun dos principais valores deste sector económico galego: o seu respecto polo medio ambiente e a súa aposta polo sostible. De feito, a flota costeira desta zona é unha das máis artesanais e responsables de toda Europa.
O orzamento da campaña, incluída a distribución, é de 50.000 euros, dos que a Consellería de Mar achega arredor de 40.000.
En marcha mardelugo.es para dar a coñecer no mundo os valores produtivos da costa da provincia
Compartir Este Artigo
