A Asociación Galega de Produtoras Independentes, AGAPI, segue adiante co seu traballo de análise colectiva das posibilidades que achegan as novas ferramentas de creación, promoción e distribución, logo do seu encontro sobre propiedade industrial celebrado este mesmo ano. Desta volta é a quenda de avaliar os novos escenarios da promoción audiovisual e da comercialización, atendendo sempre a unha realidade que, a xuízo de AGAPI, xa non é ciencia ficción: a realidade da sociedade conectada. De feito, o encontro que prepara para este 16 de outubro desenvolvese baixo o seguinte epígrafe: Un futuro que xa existe. Participarán, entre outras firmas, R, Contact ou Filmotech.com.
A cita será na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, onde abordarán temas como a estrea simultánea ou as novas formas de monetizar contidos. Subvencionada pola Consellería de Cultura e Educación a través das axudas ao asociacionismo profesional que convoca AGADIC e coa colaboración de EGEDA (Entidade de Xestión de Dereitos dos Produtores) e da USC (Universidade de Santiago de Compostela), a xornada contará coa participación de destacados expertos do sector.
A primeira das mesas redondas que ten por título É rendible o gratuíto? Novas formas de monetizar contidos está composta por César González, director de Contact Comunicación e Lolo Rey, especialista en Marketing Online, contándose con Pancho Casal, administrador xeral de Continental Producciones, en tarefas de moderación. A segunda das mesas, centrada no tema da estrea simultánea, conta con Alfonso Martínez, responsable de contidos e marketing audiovisual de R; Juan Alía, director de filmotech.com e de Plataformas VEO e Juan Carlos Tous, socio fundador de Cameo e Filmin. Ten como moderadora a Zaza Ceballos, Directora de Zenit TV. A inscrición é gratuíta previa reserva de praza no enderezo prensa@agapi.org antes do 12 de outubro.
AGAPI convoca aos profesionais galegos para avaliar a actualidade da comercialización audiovisual
Compartir Este Artigo
