A reciclaxe de computadores, o seu reaproveitamento, non debe ser unha moda ou unha postura ideolóxica: debe ser unha práctica habitual, real e intensiva, que ademais poña de manifesto que hai outro xeito de consumir tecnolóxica e acceder ao coñecemento, sen necesidade de efectuar desembolsos económicos que, nos tempos que corren, están ao límite do inmoral. Este ben pode ser un dos piares de LazarusHack, obradoiro de reciclaxe de equipos que vén de ver a luz en Vigo, da man dun grupo de seareiros da informática e co patrocinio de TodoVigo e 15MCS. O seu lema: en informática si hai vida despois da vida.
O obradoiro xorde para dar resposta a unha serie de preguntas que, quen máis quen menos, xa se fixo: que se fai con toda esa infraestrutura que de contado fica obsoleta? Por que temos que ir correndo á tenda de informática a facernos co novo aparello TIC cando hai dous días que mercamos a anterior achega ou versión? De querer darlles unha segunda vida aos nosos equipos, que facer? Pois ben, respecto a esta última pregunta, petar na porta de obradoiros como LazarusHack non semella unha mala alternativa. Máis ben o contrario. Ademais de contribuírmos á optimización de recursos, o seu reemprego, é ben posible que estamos a botarlle unha man ás asociacións, entidades ou usuarios que, por contar con recursos económicos limitados, non teñen posibilidade de mercar aparellos en óptimo funcionamento. O caso é que cunha serie de intervención nos mesmos e cun bo ingrediente de software libre, poden funcionar como o primeiro día, ou mellor.
O principal obxectivo de LazarusHack é polo tanto o reaproveitamento para uso social de elementos informáticos supostamente obsoletos, cando “uso social non significa soamente comunitario”, sinalan os responsables do obradoiro. Asemade, o que se quere é botar unha man aos particulares que necesiten ordenadores para traballar, estudar ou exercer a súa liberdade de expresión.
A metodoloxía de traballo, informa Todo Vigo, baséase sobre todo en dous elementos:
1) A posta a punto dos computadores achegados mediante doazóns. Coa axuda de técnicos e enxeñeiros recuperaranse as máquinas dándolle a cada unha a máxima capacidade que a súa natureza e os elementos dispoñibles permitan.
2) A implementación de software libre en todas as unidades xa que o software libre xera ferramentas para o máximo aproveitamento do hardware ao longo do tempo.
Polo de agora, LazarusHack ten un só punto para recibir doazóns: Asociación SerHacer: Praza Santa Rita Nº 3 – local 1 – 36204. Vigo. Teléfonos: 986.431.331 – 658.771.015. As doazóns deben deixarse a nome de “Ben (LazarusHak)”.
Con todo, podemos poñernos en contacto cos membros de LazarusHack, tanto para doar como para pedir ou ofrecer axuda, a través da páxina web de seu.
En marcha LazarusHack, obradoiro vigués de computadores a prol da reciclaxe e o software libre
Compartir Este Artigo
