O Museo Guggenheim de Bilbao, sinal distintivo de como pór en valor unha cidade e (tamén) de como conseguir que a xente vaia ver arte contemporánea como iría a un centro comercial (masivamente), estreou nova web. A proposta en liña vén da man da empresa LIN3S (en alianza con BA! Creativos), coincidindo co 15 aniversario da pinacoteca éuscara. O que se buscaba con esta feitura en liña é reforzar a presenza dixital como o eixe de actividade do museo, buscando o mesmo que buscan hoxe en día unha boa cantidade das obras de arte ás que adoita dar acubillo: interactividade co público. Neste caso concreto, cos internautas.
As empresas responsables da web apostaron polos seguintes piares: Responsive Design (deseño web adaptativo encamiñado a achegar a máxima flexibilidade para diferentes dispositivos), a plataforma aberta WordPress para a xestión de contidos e un xeito de estruturalo todo “moi intuitivo” e moi multimedia. Segundo fai saber LIN3S, estamos ante un proxecto de gran relevancia sexa cal sexa o punto de vista que se empregue. En primeiro lugar, pola especial relevancia da marca Guggenheim a nivel mundial. Dito doutro xeito: cumpría facer un proxecto que estivese á altura da influencia desta rede museística que acubilla e resume, ela soa, unha boa parte da mellor arte contemporánea recente e non tan recente. Era polo tanto “un verdadeiro reto”, segundo engade a empresa, que quixo conxugar ao mesmo tempo “múltiples aspectos tecnolóxicos e funcionais ademais de intereses dun público moi diverso”, sinala Iñaki García, socio da compañía. Por este motivo, “traballouse con intensidade durante todo o proceso para crear unha solución cun grao de innovación que pretende ser referencia”. Un dos aspectos máis salientables do proxecto foi a aposta polo Responsive Design, conseguíndose unha plataforma que se adapta de xeito automático, a nivel de deseño, aos diferentes soportes. Segundo engade Iñaki, estamos ante “un proxecto pioneiro nesta liña de traballo, dando como resultado unha web que consegue presentar os contidos de maneira óptima en calquera dispositivo, nun monitor de 27 polgadas, nunha tablet en formato vertical ou landscape ou nun smartphone”.
O Museo Guggenheim de Bilbao aposta pola adaptabilidade e a interactividade na súa nova web
Compartir Este Artigo
