O móbil é xa unha ferramenta básica de traballo, non só para conectármonos con compañeiros, socios ou clientes, senón tamén para resolver dúbidas. E nisto, en resolver dúbidas, é no que consiste en maior ou menor medida unha boa parte dos traballos de hoxe, incluída a profesión médica, na que se fai especialmente necesario ter información actualizada ao alcance da man para detectar doenzas e buscar remedios de contado. Segundo o estudo Aplicacións médicas para smartphones de axuda ao diagnóstico e prescrición en consulta, feito pola Unidade de Innovación do Instituto Ramón e Cajal, practicamente 7 de cada 10 profesionais resolven as súas dúbidas clínicas dende o móbil. E especialmente a través dos tablets.
O uso destes trebellos, engádese na investigación, pode supor un aforro de tempo de entre 90 e 120 minutos por semana. A investigación, presentada este luns no Hospital Universitario Ramón y Cajal de Madrid, sinala que o desenvolvemento de aplicacións en medicina está a supor “unha auténtica revolución”. Para facérmonos unha idea disto, infórmase que hoxe en día o 90% dos facultativos considera que incrementará o seu emprego en aplicacións móbiles no futuro. O informe, por certo, fíxose aso fío da integración da ferramenta iDoctus entre médicos do devandito hospital, un proceso que segundo se apunta “obtivo resultados moi positivos”, cunha gran maioría dos usuarios salientando as súas vantaxes no seu día a día. A ferramenta iDoctus é un recurso de consulta para profesionais da medicina, desenvolvida pola empresa do mesmo nome.
Volvendo ao estudo, dicir que entre os datos máis salientables que fornece, cómpre salientar o cambio de procedementos que amosa no que a fontes de información se refire: só o 30% das persoas enquisadas recoñeceron seguir consultando a diario, unicamente, libros e manuais en papel.
Sete de cada dez médicos solucionan dúbidas dende o móbil
Compartir Este Artigo
