A Asociación de Xestores de Innovación de Galicia (AXIGA) presentouse oficialmente en Compostela este martes 30 de outubro cun encontro cos medios e cos profesionais galegos da innovación que contou coas intervencións de Benito Fernández, representante do colectivo, Francisco Noya, do Concello de Santiago e Ángel Pereira, presidente de AXIGA. A cita, como dixemos os días pasados, foi algo máis que unha cita cos medios. Foi unha xornada de traballo entre xestores de innovación, representantes das empregas galegas ligadas á I+D e público en xeral. E tamén unha palestra de casos de éxito.
Lembrar que AXIGA non é nova, malia terse presentado esta semana. En realidade, foi constituída no ano 2010, sendo este o seu primeiro evento público, onde os seus integrantes deron a coñecer as actividades que está a desenvolver así como os servizos que ofrece. Ángel Pereira fixo especial mención “á necesidade que cobre a asociación de poder aglutinar a todos os profesionais da innovación que están a traballar en empresas, centros tecnolóxicos, universidades ou consultoras”. Estamos pois ante un espazo de reunión que é novo e que se dirixe a dar acubillo a unha nova profesión. Os seus integrantes, tal e como sinalou Pereira, teñen en común a confianza no potencial de crecemento do papel que desenvolven, de aí que agarden que AXIGA “se converta nun referente, nun lugar de encontro e traballo en rede onde se poidan acadar sinerxías entre os seus asociados”.
Na cita tamén espazo para avaliar a situación da innovación en España e Galicia na última década cunha grande conclusión: “A crise económica que comeza no ano 2008 fai que se reduza o gasto que as empresas estaban destinando a I+D+i, ascendendo en 2008 a 20.000 millóns de euros e no ano 2010 descendendo ata os 16.000 millóns de euros”. Víctor Piñeiro, vicepresidente de AXIGA, amosou a súa preocupación: “Agardamos que esta tendencia se inverta, e regresemos a unha senda de crecemento porque sen investimento en I+D+i será difícil ter unha economía competitiva”.
Na cita, os asociados a AXIGA quixeron facer partícipes aos asistentes dos seus casos de éxito, en concreto no ámbito do emprendemento e do sector TIC.
María Montero de QUALINNOVA CONSULTING, consultora de estratexia e innovación, amosou a súa experiencia nova no mercado, os retos e atrancos aos que teñen que facer fronte os emprendedores e a ilusión de ver o proxecto profesional feito realidade. Ao seu xuízo, “pertencer a AXIGA permítenos estar en contacto con outros profesionais de innovación.”
No acto tamén se fixo fincapé no potencial do sector TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), no seu protagonismo, que contribúe de xeito significativo ao gasto empresarial en I+D+i. A empresa EDNON, dedicada a integración de servizos avanzados de novas ferramentas TIC, estivo representada por Iria Coello, que expuxo a traxectoria da empresa e algúns dos proxectos de desenvolvemento tecnolóxico máis destacados. Arestora, a carteira de proxectos de Investigación e Desenvolvemento ascende a 1,5 millóns de euros con solucións tecnolóxicas nas áreas de e-saúde, como a plataforma FEMORA, que permite a formación do persoal sanitario a través de dispositivos móbiles e códigos QR.
A presentación da Asociación de Xestores de Innovación amosou diversos casos de éxito nas TIC
Compartir Este Artigo
