Agile-Galicia, comunidade galega de profesionais da informática interesados en metodoloxías de traballo e desenvolvemento áxiles, está a colaborar coa rede de coworking WekCo nunha iniciativa conxunta de deseño e materialización de ideas, The APP Team. A medio camiño entre un maratón hacker e unha xeira de análise colectiva de ferramentas e servizos (un startup weekend), o que nos presentan Agile Galicia e Wekco é un encontro á medida dos novos desenvolvedores galegos de proxectos TIC para permitir, entre xente afín, que as súas ideas se fagan realidade. A cita será o mes de xaneiro: tres días para dar saída ao noso potencial innovador.
“O que tentamos”, cóntanos Carlos García dende Agile-Galicia, “é xuntar profesionais con experiencia e que se consideren bos nos seus perfís para formar equipas e darlles a oportunidade de desenvolver algunha das súas ideas”. Non estamos, ollo, ante un evento aberto: de entre as persoas que se inscriban seleccionaranse os perfís que mellor encaixen no que se require ou que teñan máis e mellor traxectoria. Máis en detalle, o que se busca é por en contacto a xente que sexa quen de formar equipos de alto rendemento, e darlles a oportunidade de traballar xuntos levando a cabo proxectos complexos en pouco tempo.
Estes son os perfís que se procuran: deseñador web (con coñecementos en HTML5, responsive design ou CSS3, interaccións entre usuarios, metodoloxías lóxicas, etc), Frotender e Backender.
A cita será na sede de WekCo na avenida Novo Mesoiro, no número 2, baixo, na Coruña.
The APP Team: reto dende A Coruña para os desenvolvedores de aplicacións que queiran ver vivos os seus proxectos
Compartir Este Artigo
