A Tecnópole de Ourense (Parque Tecnolóxico de Galicia) puxo en marcha este martes 6 de novembro unha innovadora iniciativa para afianzar a fórmula da colaboración e da comunicación integral entre as nosas empresas co fin de acadar máis produtividade, máis competitividade e máis potencialidade para saírmos da crise e establecernos en máis mercados. Esta iniciativa para conectar as empresas da Tecnópole entre elas (e coas de toda a nosa terra) é unha iniciativa dixital e tecnolóxica polos catro costados. De feito, a súa face visible é a web 5sentidosparainnovar.com, punto de encontro virtual para que as empresas e centros de coñecemento do Parque suban novos chanzos de colaboración e aposten pola innovación aberta.
A ferramenta-web foi presentada este martes perante aos empresarios do Parque Tecnolóxico de Galicia no marco da estratexia iniciada o pasado mes de outubro cun innovador encontro profesional baseado en fomentar a I+D colaborativa mediante estímulos sensoriais, encontro do que dimos conta, en detalle, na web de Código Cero. O obxectivo, como lembraremos, foi o de xerar nos empresarios unha actitude aberta que os conduza a unha reflexión sobre as súas propostas actuais e sobre a oportunidade de crear novos modelos de negocio baseados na cooperación. Por certo que dende Código Cero tamén advertimos que a xuntanza amosaba potencial de abondo non só para ter continuidade en si mesma, senón tamén para a materialización de ramificacións diversas, das que a web presentada este martes é un exemplo.
Tanto o encontro empresarial como o novo portal web foron obxecto do apoio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), que seleccionou o proxecto 5 sentidos para innovar como acción subvencionable no marco do Programa de Fomento da Cultura Científica e da Innovación.
Como dixemos, a iniciativa diríxese a favorecer que os empresarios se introduzan na lóxica da I+D aberta, “coa que os procesos de innovación saen dos departamentos de investigación das empresas para dar lugar a dinámicas baseadas na colaboración, é dicir, fai posible que a innovación proceda de fóra da organización (de clientes, provedores, etc.)”, informaron fontes da Tecnópole.
A web foi deseñada, en primeiro lugar, para servir de soporte ao coñecemento mutuo da actividade das empresas. “Por este motivo”, engade a Tecnópole, “na sección dedicada ao oído os empresarios contan que tipo de actividade desenvolven e que é o que as diferenza”. Para identificar oportunidades de proxectos en común, atopar posibilidades de intercambio de coñecemento e buscar solucións tecnolóxicas a problemas concretos, a Tecnópole pediulles suxestións aos empresarios co obxectivo de que a sección do olfato sirva o mellor posible a este propósito, polo que as súas utilidades serán deseñadas con base nas súas demandas. No apartado dedicado ao tacto “darase acceso ás reflexións de expertos sobre experiencias de innovación aberta e os seus resultados, coa posibilidade de que os empresarios participen coas súas propias idea, cousa que se vai complementar coas receitas empresariais achegadas por profesionais de diferentes eidos que se ofrecen na sección do gusto”.
A sección da vista amosará material multimedia, fotografías e vídeos, dos encontros empresariais que se celebren no marco do proxecto. A maiores, un último apartado servirá como espazo de encontro para lanzar retos tecnolóxicos, ofertar solucións innovadoras, compartir ideas de proxectos que precisen a colaboración de varios socios, etc. Ademais, o portal integrará as principais redes sociais (Twitter, Linkedin, Pinterest e Facebook) para impulsar a participación dos empresarios que sexan activos nalgunha destas aplicacións.
Durante o encontro deste venres foi presentada tamén a publicación dixital Tecnópole. Iniciativas con valor, na que, segundo apuntou a dirección do Parque ourensán, “recóllese a descrición da actividade innovadora de quince empresas e centros de coñecemento do Parque Tecnolóxico de Galicia e que se irá completando con contido relativo ás demais instaladas no recinto”.
A Tecnópole presenta un servizo dixital para conectar empresas e favorecer a innovación aberta
Compartir Este Artigo
